Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago ofrecen seis cursos de formación gratuítos para maiores de 50 anos


 

As sesións terán lugar entre o 18 de outubro e o 12 de novembro

O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición de “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida a veciños e veciñas maiores de 50 anos.

Esta iniciativa, froito dun convenio asinado entre ambas institucións e incluído no cuarto ciclo do Programa Universitario de Maiores, inclúe tres seminarios teóricos e outros tres prácticos, que terán lugar entre o 18 de outubro e o 12 de novembro. Máis información e matrícula na Casa da Cultura de Lousame ou chamando ao 981 825 780.

Programa

Cinco dos seis seminarios terán lugar na casa da cultura de Lousame, mentres que o sexto terá lugar en Fruíme. Nos seis casos, o horario será de 16:30 a 18:00 horas. O primeiro seminario, “O papel da parroquia na Historia de Galicia a través de Lousame”, será impartido por Anxo Rodríguez Lemos, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, o venres 18 de outubro. Un día despois, este mesmo docente dirixirá unha sesión práctica cun percorrido pola igrexa parroquial de San Martiño de Fruíme.

O luns 28 de outubro está programada a xornada “O cine como linguaxe”, impartida por Álvaro Dosil Rosende, do grupo de investigación 3ª Xeración e bolseiro da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC. Este mesmo docente dirixirá a sesión práctica sobre a mesma temática o martes 29 de outubro.

Finalmente, os martes 5 e 12 de novembro terán lugar dous seminarios teórico-prácticos denominados “Matemáticas, pídechas o corpo”, que serán impartidas polas profesoras da Facultade de Matemáticas da USC Beatriz Álvarez Díaz, Laura Dávila Pena e Érika Diz Pita.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Lousame, que contan coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.